17 de mar. de 2016

PUTA ZORRA, DÍJOCHO POR ENFATIZAR

En serio. Moi equivocada estaba.

Porque hoxe souben que cando unha muller manifesta unha opinión distinta á dun home, é lícito que el argumente en contra nas redes sociais dedicándolle publicamente a expresión "puta zorra envexosa". 

Sabede que neste caso o "puta zorra" non é insulto, nin é sexismo, nin nada, senón recurso para enfatizar o adxectivo "envexosa", sen máis. Unha riqueza do idioma coma calqueroutra. A min explicoumo unha muller que de certo ha de ser máis nova ca min e unha grandísima experta (puta zorra experta?) en cuestións lingüísticas. De feito, comentou que se metía no debate para saír en defensa do castellano ("en defensa del castellano, no te confundas"). E non me confundirei logo, que eu o castelán inda volo vou entendendo, mesmo o máis putamente pechado e zorramente carpetovetónico.

Así que xa sabedes, mulleres. Houbo algún intre da vosas vidas en que un home vos chamase "puta" e/ou "zorra" ou o moi puta zorramente enfático "putazorrademierda"? Estas expresións sempre foron moi putísimazorramente escoitadas en certos contextos, pero iso era antes:
  • Antes, iso dicíallo un ex-mozo a unha muller que comezaba outra relación. Ás veces acompañábase a expresión con ameazas de romperlle a cara a alguén. Pero iso era antes. Hoxe as ameazas están en desuso.
  • Antes, iso dicíao un marido antes de empezar a mallar na súa muller. Pero iso era antes. Hoxe a violencia está en desuso.
  • Antes, iso dicíallo un tipo con ganas de rollo á muller que o rexeitaba, normalmente acompañado dun "calientapollas". Pero iso era antes. Hoxe acoso está en desuso.
  • Antes, iso dicíallo un home a unha muller cando ela opinaba ou actuaba dunha forma distinta á esperable. Pero iso era antes. Hoxe a descalificación sexista está en desuso.
Hoxe en día "puta zorra" é unha riqueza idiomática do castelán que hai que defender, preservar e empregar como termo enfático. Puramente enfático.


A ver se vos poñedes ao día, putas zorras anticuadas. Díjovolo por enfatizar.