27 de mar. de 2016

ANTIPATÍA POLA ÉPICA

- "Daquela, o Paxaro Dodo afirmou: todos vencemos e todos merecemos un premio"
- Dime, Pierre, se a final ían gañar todos, por que fixeron unha carreira?- preguntou Annie. [...]
- Porque estaban mollados e querían correr para secar. Ademais, Alicia atópase nun mundo marabilloso no que nada ten sentido.
- E por que nada ten sentido?

(Santiago Lopo, A diagonal dos tolos)
-------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------


 É certo. O título desta entrada. Nunca puiden aturar o xénero épico. Fáiseme antipático, árido, tosco, aburrido e testosterónico:

Heroe arquetipicamente masculino a enfrontar dificultades tremendirmas e/ou a recuperar a honra perdida e/ou a mallar no inimijo en batallas eternas e/ou a conquistar territorios para o seu rei; porque ademais de machirulo, o heroe épico adoita ser bastante lambecús. Amais de mentirán e trampulleiro, sempre invocando a axuda divina e tal.
E as mulleres épicas? Májoa dan. Unhas que se dedican profesionalmante a ajardar polo seu heroe tecendo e destecendo, outras que "fican remanidas", outras que son “desondradas” e sofren coma cadelas... E as poucas que parece que o pasan ben, esas non valen para casar con elas, sonvos malas coma a peste.

Xa o disía a miña avoa. Foi unha jrandísima lectora, pero sempre disía que ela non lera Guerra e Paz. Lera Paz. As batallitas saltábaas. Quen as quere. Vale, Guerra e Paz non é épica, pero poño o exemplo para entendérmonos.

E diredes vós que por que me meto coa épica aquí no maquis.

Por aborrecemento. Porque hoxe en día non hai crónica dun ultra, mesmo de carreiras de distancia media, na que non aparesan os palabros “épico” e “heroe”.

Heroes de que? Tamos aparvados/as?

O verdadeiro heroe non desexaría ser tal. Hai pouco lin unha frase semellante a esta. Canta razón. O verdadeiro heroe non desexa ter que loitar por superar a adversidade. A desjrasia cébase nel, non é que el vaia buscala. Ou a obriga contraída. Ou aljo superior á súa vontade.

Para nós, que terá de heroico, por exemplo, roubarlle horas á familia para ir competir ao quinto carallo? (dispensanso) Heroico en todo caso será o papel que lle toca á outra parte da parella se ten que “ficar remanido/a” coidando dos cativos ou limpando a casa ou facendo os recados fin de semana si e fin de semana tamén mentres o seu / a súa churri, tan épico/a el/ela, se escaquea correndo tropecentos mil quilómetros por darse o justo para lojo coljar as fotos no feisbú. Non sei por que carallo poño isto de el/ela, épico/a, tendo en conta que son maioría aplastante as que “fican remanidas”. En fin. Deixémolo estar.

Heroico gastar un pastizal en inscricións, viaxes e material técnico? Non tanto como chejar a fin de mes para unha persoa desempregada, non?

Heroico levar a capacidade de resistencia ao límite por deporte, sofrer deshidratación, levar uns cortes, rozaduras? Que llelo conten á poboación siria ou aos milleiros de refuxiados amoreados en Turquía. Os que chejaron.
Foto Julio Flor

Teremos que lembrar que correr é unha afección coma outra calquera? É opcional para nós; alomenos para os cidadáns desta Europa mol e olvidadiza. Noutros tempos ou noutros continentes non foi, non é así. Mesmo nas portas de Europa non está sendo así. 

Recoméndovos moito ler A diagonal dos tolos, de Santiago Lopo. A min amais de entreterme quitoume bastante de burra, que xa ten mérito. Deixo aquí uns fragmentos e castíjovos a pensar, que eu xa fixen a penitencia:

Os grandes mandatarios internacionais arranxaban o mundo facendo footing, mais ninguén se acordaba das outras carreiras que as súas guerras provocaban, as dos malpocados que bulían entre impactos de bombas para non se converteren en efectos colaterais, as dos sentenciados pola cámara en branco e negro dunha aeronave militar”

Correr. O ser humano racionalizara aquel comportamento animal. O instinto fora amestrado e amortizado baixo o nome de running. Varios ultratrails do mundo competían coa Diagonal para ver cal ofrecía o trazado máis esixente […] Carme non ignoraba que o reclamo dos blogs e de Youtube, e a posibilidade de erixirse en heroe de internet narrando unha fazaña, ofrecían un pastel moi saboroso aos organizadores e ás marcas deportivas, que aproveitaban a vaidade humana e o exhibicionismo para engrosar os superávits das multinacionais. O capitalismo vira o filón das macrocarreiras, fosen urbanas ou non”

Vainos directiño á liña de frotación, verdade?

Échenos moi ben aquelada esta frase de Aníbal Malvar:

O home, cando é consciente do seu propio aburrimento, convértese nun heroe en busca dunha causa.

E deixémonos de épicas. A durmir.




Ningún comentario:

Publicar un comentario